Wednesday 08 de May de 2024

O Goberno municipal impulsa a renovación da Casa Veeduría tras obter 1,3 millóns de euros do Ministerio de Transportes


Inés Rey: “A rehabilitación integral do edificio permitirá dotar á Cidade Vella de novos servizos e contribuirá á reactivación do casco histórico”

O inmoble, de máis de 3.800 metros cadrados, contará cun centro de día, sala de exposicións, cafetería, zona de xogos, sala de estudos, auditorio e espazo para un novo viveiro de empresas

O Ministerio de Transportes, Movilidad y Agenda Urbana vén de notificar a aprobación definitiva dunha axuda por valor de 1.287.257 euros que se destinará á rehabilitación integral da Casa Veeduría.

A alcaldesa, Inés Rey, indicou que o Concello licitará as obras no primeiro semestre do 2022, obras que non só permitirán a recuperación do edificio, construído no século XVIII e catalogado pola súa relevancia arquitectónica e histórica, senón que tamén permitirán ampliar sensiblemente a carteira de servizos públicos municipais na Cidade Vella e a súa contorna.

Na antiga sede do Goberno Militar xa está aberto ao público o Centro Cívico, mais esas instalacións gañarán espazo tras a reforma. No semisoto do inmoble disporase dun centro de día con comedor; na planta baixa irá, ademais de máis espazo para o centro cívico, unha sala de exposicións, unha cafetería e unha zona de xogos; na primeira planta están previstos unha sala de estudos para alumnos universitarios, un auditorio e salas para un novo viveiro de empresas. Finalmente, na segunda plantar instalaranse despachos, crecerá tamén o centro cívico, e se situarán as Oficinas Técnicas de Rehabilitación do Concello.

“A rehabilitación integral do edificio permitirá dotar á Cidade Vella de novos servizos e contribuirá á reactivación do casco histórico”, indicou Inés Rey. O edificio, que conta con 3.878 metros cadrados, foi construído no século XVIII e reformado en profundidade nos primeiros anos do século XX.

O orzamento total das actuacións previstas alcanza os 2.993.268 euros, dos que case a metade os aporta o Ministerio de Transportes. Os fondos achegados polo Goberno central permitirán licitar e poñer en marcha as obras durante o vindeiro exercicio.

Os traballos enmárcanse nos plans de Inés Rey de revitalización e impulso do casco histórico da cidade, plans dos que forma parte tamén a recente renovación integral da rúa Nosa Señora do Rosario, finalizada o pasado mes de xuño, e no que figuran tamén a recuperación integral dos xardíns de San Carlos, en obras desde este mesmo mes, e a reurbanización da rúa Cortaduría e da contorna da Fundación Luis Seoane, xa adxudicadas.

En total, o Goberno de Inés Rey suma máis de 4,5 millóns de euros en obras xa executadas ou comprometidas na Cidade Vella.